libros, autismo e os dereitos da infancia #2 de abril

Os+dereitos+da+infanciaAlí estaba, nunha estantería dunha libraría de Moaña, de medio lado, oculto entre outros tantos libros infantís. Na portada un neno camiña con paso decidido por enriba das cabezas dos adultos cun pincel cheo de pintura azul, o seu brazo aínda alzado e a cariña contenta despois de ter escrito a frase: “Os dereitos da infancia”.

Hoxe, 2 de abril, é un día que se conmemoran dous “días de…” moi importantes na vida da miña familia:  o día mundial de concienciación do autismo e o día internacional do libro infantil.

“Os dereitos da infancia” de Editorial Xerais fala de promesas feitas aos nenos polos adultos. No prólogo Francesco Tonucci percorre a historia da Declaración dos Dereitos do Neno e a aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno que establece unha diferenza fundamental en 1989: “Ao naceren, as nenas e os nenos, son cidadáns (non futuros cidadáns) con dereitos”. Os dez principios da Declaración son fermosamente explicados con cadanseu conto.

Por centrarme no “día de…” o Principio 5  fala do dereito á educación, tratamento e protección especial que se lle dará a cada caso particular daquelas nenas e nenos que teñen diversidade funcional. O artigo 3 da Convención establece ademáis o interese superior do neno sobre o dos adultos, prevalecendo así e impoñéndose en caso de conflito.

Dende que nos deron o diagnóstico nós tamén fixemos un percorrido cun comezo moi duro pero que nos trouxo novas aprendizaxes, proxectos e persoas que aportaron coñecemento e comprensión ás nosas vidas. Alto alto como una montaña e A canción de Manuel  son a nosa aportación (Esther Medraño, Emma Ovín, Seso Durán e eu mesma) ao Principio número 5. O noso reto: promover a inclusión socioeducativa das nenas e nenos con TEA a través dun enfoque específico sobre estratexias educativas con recursos accesibles e creativos.

Deixamos o videoclip deste ano “Son o teu medo” que, como di Seso “fala sobre o que sintes ao pouco de recibir o diagnóstico, cando pasas meses cunha punzada no peito, literalmente, e eres máis consciente que nunca da túa propia mortalidade, e pensas en que vai pasar cando ti non esteas para protexer e coidar ao teu fillo con autismo.”

pictos son o teu medo

Deixar un comentario